VER MÁIS
Terra queimada é un proxecto documental desenvolvido ao longo de máis dunha década de traballo que aborda a preocupante realidade dos incendios forestais e busca concienciar á sociedade sobre as súas consecuencias.

Nacín en Ourense, Galicia, no noroeste de España. Medrei co cheiro a queimado e escoitando os avións de extinción durante os veráns. Fixenme fotógrafo e, en 2011, comecei a documentar esta realidade.

En 2025 rexistrouse unha tempada de incendios forestais especialmente destrutiva en numerosas rexións do mundo, con cifras récord que reflicten de maneira especialmente visible o impacto da crise climática e dunhas condicións meteorolóxicas extremas.

A problemática dos incendios forestais é especialmente evidente no sur de Galicia, un territorio con baixa densidade de poboación e un abandono do medio rural cada vez máis palpable. Zonas antes dedicadas á gandaría e á agricultura quedaron sen xestión, acumulando unha masa forestal vulnerable ao lume.

Galicia é recoñecida como unha terra de auga e ríos. Paradoxalmente, tamén é unha das áreas europeas máis afectadas polos incendios forestais, tanto en número de sinistros como en superficie queimada, xunto co norte da veciña Portugal.

Os incendios son hoxe un dos principais problemas ambientais do territorio galego. Só no verán de 2025 arderon centos de miles de hectáreas en Galicia. Estes incendios, coñecidos como de “sexta xeración”, evidencian unha problemática multifactorial na que conflúen o abandono rural, unha xestión forestal deficiente, a acumulación de combustible vexetal e un clima cada vez máis extremo, marcado por ondas de calor prolongadas e secas severas.

É necesario un cambio de modelo que aposte por políticas capaces de xestionar o territorio de forma máis eficiente e de fixar poboación nas zonas rurais. O lume é un problema que irá en aumento e só adaptándonos poderemos intentar minimizar as súas consecuencias.
ourense-tierra-quemada-05 ourense-tierra-quemada-16 ourense-tierra-quemada-12 ourense-tierra-quemada-23
instagram-blanco-40x40 twitter-blanco-40x40 facebook-blanco-40x40